Fernando Salgado responde as preguntas do BNG sobre precariedade e uso do galego

Dossieres

O Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado, respondía no Parlamento o luns as preguntas da deputada Modesta Riobó, do BNG, sobre as medidas contra a precariedade e a favor do galego nos medios.

Salgado rexeitou que existise relación entre ambos problemas e defendeu a concesión de axudas públicas para o fomento da lingua, aínda que recoñeceu que os seus resultados eran "moitas veces insatisfactorios" e evitou falar de mecanismos de control.

A deputada María Modesta Riobó, do BNG, preguntaba sobre as medidas prevista pola Xunta para fomentar o galego nos medios e contra a precariedade laboral, logo de cinco meses sen que recibise resposta a súa proposta para ligar a concesión de axudas pola lingua ao fomento do emprego estable, realizada en Setembro.

Riobó criticou que non existisen suficientes mecanismos de control, polo que o galego queda relegado ás seccións de cultura e opinión. Neste sentido, reclamou a necesidade de "dar un xiro ás políticas que se desenvolven no noso país" xa que, na súa opinión "a deriva das políticas de comunicación da etapa anterior é mais que motivo suficiente" para cambiar o modelo.

Asimesmo, criticou a alta precariedade existente na profesión xornalística, con xornadas laborais abusivas, contratos en precariedade e abusos do persoal de prácticas e falsos autónomos. Afirmou ademais que "a calidade" do traballo xornalístico "é unha das primeiras vítimas da precariedade que sofre este sector".

Por iso, considerou imprescindible "ligar as axudas económicas públicas ao cumprumento efectivo de obxectivos de interese público" como o fomento do emprego estable, reclamación que salientou que viña sendo efectuada desde organizacións do sector como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ou o Sindicato de Xornalistas, cuxas propostas seguen a ser unha materia pendente.

Fernando Salgado, pola súa banda comezou a súa intervención afirmando que uso do galego e precariedade "non gardan relación directa entre si" xa que "os medios de maior difusión, aos que se presupón unha maior calidade, non son os que máis se distinguen polo uso do galego".

AÍnda que se mostrou partidario de estudar a posibilidade de ligar as axudas ao uso do galego e a creación de traballo estable, o Secretario Xeral considerou que as medidas principais contra a precariedade pasaban por inspeccións de traballo, o fomento do esprego estable, a realización de normativas específicas máis estritas e o impulso das negociacións colectivas.

Contra a opinión da deputada do BNG, Salgado afirmou que si existían mudanzas nas axudas ao fomento do galego fronte ao goberno anterior, entre as que destacou a maior transparencia nas concesións e a implantación dunha axuda específica para medios redactados unicamente en galego.

Deste xeito, malia a non coñecer a difusión real das publicacións en galego "porque non hai ningunha que estea sometida ao control de OJD", afirmou que "cada exemplar escrito unicamente en galego que está na rúa recibe máis de 50 veces unha subvención superior a un xornal non escrito enteiramente en galego".

Por último, e aínda que cualificou os resultados das axudas ao fomento da lingua como "moi modestos, moitas veces bastante insatisfactorios, polo menos no que se refire a aqueles medios que utilizan maioritariamente o castelán", evitou concretar ningunha medida para o control do cumprimento dos acordos.

Asimesmo, afirmou que o uso do castelán nos medios de comunicación galegos "é unha decisión empresarial", polo que a Administración "non pode impoñer o uso de galego de xeito xeralizado en todas as seccións" e limítase a incentivar o estabelecemento de porcentaxes.

Na súa opinión, o único terreo onde eses incentivos poden virar en esixencias é "naqueles medios que por facer uso do espazo radioeléctrico público precisan contar con licenzas administrativas, onde afirmou que o compromiso co galego "é exixible e será exixido en todo momento".

CPXG

Documentación