Dia Internacional da Liberdade de Prensa

Dossieres

O Día Mundial da Liberdade de Prensa cumpre neste 2011 18 anos de existencia, despois de que un día coma hoxe de 1993 a Unesco decidise que cumpría avaliar o estado de dereito á información no conxunto do mundo, lembrar a necesidade de defender os medios de comunicación dos ataques sobre a súa independencia e renderlles homenaxe ós xornalistas que perderon as súas vidas no exercicio da súa profesión.

O Día Mundial da Liberdade de Prensa cumpre, por tanto, a súa maioría de idade, pero aqueles compromisos que levaron a Unesco a fixar a conmemoración desta xornada seguen máis vixentes ca nunca. Porque aínda hoxe morren xornalistas que en diferentes partes do mundo tratan de rachar os muros do silencio, aínda hoxe hai países que non garanten os dereitos dos cidadáns a recibiren información libre, veraz e plural, e aínda hoxe hai quen pretende amordazar a quen quere contar.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en colaboración co Club de Prensa de Ferrol, lembra cada ano esta xornada coa entrega do premio José Couso, o camarógrafo galego que foi asasinado no Hotel Palestine de Bagdad cando informaba do que acontecía na guerra de Irak. Na figura de Couso, o CPXG simboliza a figura de todos aqueles xornalistas que fan fronte a diferentes formas de censuras, acosos e represalias que procuran a escuridade onde debe haber luz.

Os colexiados e asociados do Club de Prensa decidiron que este ano o premio recaese en Wikileaks, por ese labor de difusión de información condeada a quedar gardada nos vergoñentos arquivos do descoñecemento e o esquecemento.

Pero o Día Mundial da Liberdade de Prensa tamén debe chamar a atención sobre as historias cotiás de presións, coaccións, malas prácticas e autocensuras que se producen nas chamadas sociedades democráticas e que cuestionan gravemente os nosos dereitos fundamentais. Porque convocar actos nos que os xornalistas nin sequera poden preguntar tamén atenta contra a liberdade de prensa. Porque practicar a opacidade tamén lesiona os dereitos dos cidadáns.

Por iso, o Colexio de Xornalistas súmase con rotundidade ó movemento #sinpreguntasnocobertura, nacido nas redes sociais para advertirlles ós representantes políticos que a negación da pregunta convirte a información en propaganda. Xa no ano 2008 o CPXG denunciou publicamente este tipo de prácticas inadmisibles nunha sociedade avanzada.

Hai hoxe 20 anos os participantes no Seminario para a promoción dunha prensa africana independente e plural, celebrado en Namibia, asinaron a Declaración de Windhoek na que proclamaban que "o establecemento, conservación e afortalamento dunha prensa independente, plural e libre son indispensables para o desenvolvemento e mantemento da democracia nun país".

Se cadra, os participantes naquel seminario nin podían imaxinar que aquela declaración sería a orixe do Día Mundial da Liberdade de Prensa que hoxe celebramos. Pero seguro que nesta data, en calquera parte do mundo, volverían repetir en alto esas mesmas palabras ante os que pretenden facernos calar. Que saiban que non o conseguirán.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Documentación