Desaparece a edición en papel de 'Xornal de Galicia'
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta o peche da edición en papel de Xornal de Galicia, anunciada o 2 de agosto pola dirección da empresa aos traballadores, polo que suporá de perda de postos de traballo e porque restrinxe a pluralidade da información que reciben os galegos.
O derradeiro número do diario chegará aos quioscos este xoves debido, según comunicou a dirección á plantilla, a razóns económicas, precisadas na caída dos ingresos por publicidade e na falta de apoio das administracións.
Como xa ten reiterado en anteriores ocasións o Colexio, o peche dun medio de comunicación é unha mala nova para a profesión xornalística e para a sociedade, por canto perde en pluralidade informativa, fundamental para conformar unha poboación crítica. No caso concreto de Xornal de Galicia, pérdese un medio de comunicación que, desde a súa saída o 9 de decembro de 2008, fixera unha aposta decidida pola normalización do uso da lingua galega.
Esta Xunta de Goberno confía en que a dirección de Xornal de Galicia cumpra a promesa feita hoxe aos seus traballadores de potenciar a edición web do diario, activa desde 1999. Esa potenciación en ningún caso pode apoiarse en despidos, como xa ten asumido a empresa que sucederá, porque unha reducción da plantilla non faría senón lastrar este proxecto.
Como xa sucedera co peche da edición en papel de Galicia Hoxe e ante a referencia da dirección de Xornal de Galicia á falta de apoio institucional, o Colexio advirte ás administracións galegas de que deben velar por un espazo informativo plural e por fomentar o uso do galego, como establece o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que di que "os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa".
A fin da edición en papel de Xornal de Galicia incide nunha senda perigosa para a información en Galicia que, con este peche e os anteriores de Vieiros, A Nosa Terra ou A Peneira, perde lentamente o espazo comunicativo propio que tanto custou construír.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia