Decálogo de recomendacións para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe
Tanto as persoas implicadas directamente na traxedia como os seus achegados e familiares pasan por momentos moi difíciles, e merecen que non deben ser nin expostos á luz pública nin aumentados por ningunha vía.
1. O dereito á intimidade e á propia imaxe no caso dos protagonistas de sucesos que revisten características de catástrofe. Alén do seu forzado protagonismo na noticia, é preciso respeitar o ámbito privado das persoas directa e indirectamente afectadas - as vítimas e tamén os seus familiares - de tal maneira que quede garantido o dereito que teñen a preservar a súa intimidade nesas circunstancias dramáticas. A publicación das listas de afectados, que é propia do xornalismo de servizo, non debería facerse con datos persoais que non son relevantes para o caso. En relación directa co anterior, fotoxornalistas e cámaras de televisión han respeitar o dereito que tamén lles asiste de non permitir a captación no lugar do suceso de imaxes nas que teñan algún tipo de protagonismo. Aínda no caso de non teren indicación expresa en contra, é recomendable absterse de utilizar aqueles imaxes que puideran comportar a degradación das vítimas. Tratándose de menores de idade, hase evitar na medida do posible convertilos en protagonistas da información.
2. Respeitar a dor e o sufrimento das vítimas. Tanto as persoas implicadas directamente na traxedia como os seus achegados e familiares pasan por momentos moi difíciles, e merecen que non deben ser nin expostos á luz pública nin aumentados por ningunha vía. É preciso evitar, polo tanto, a publicación de primeiros planos de persoas en situación de sufrimento, como tamén o acoso e as preguntas en situacións inadecuadas. A súa dor ha estar, en todo momento, por riba da busca de información dos medios, que ademais en moitos casos pode convertirse nunha mera percura do morbo. De igual modo, é necesaria a cautela á hora de publicar imaxes de traxedias pasadas, para non despertar lembranzas dorosas que aínda poidan estar latente nos afectados.
3. As conxeturas e hipóteses sobre a traxedia deben ser evitadas. En ocasións, os medios lánzanse a realizar conxeturas sobre as causas, consecuencias ou outros aspectos do acontecemento. No caso de traxedias humanas, porén, este tipo de informacións poden aumentar a angustia e a preocupación das vítimas, ademais de seren lesivas para a honra ou a imaxe de terceiros. É preciso basearse pois en fontes expertas e oficiais, e marcar sempre cando se está perante unha hipótese. No caso das listas de falecidos ou vítimas, cómpre sempre agardar polos datos oficiais, e nunca fornecer información antes de que estean ao corrente as persoas afectadas.
4. Hase facilitar a información de forma responsábel, sen contribuír a crear situacións de psicose. As traxedias de grande magnitude poden provocar o pánico entre a poboación xeral, algo ao que moitas veces contribúen os mass media con informacións pouco responsábeis. É necesario, pois, evitar que noticias que non entrarían habitualmente na axenda mediática poidan "colarse" ao estaren relacionadas cunha traxedia actual, dando a impresión de que a súa aparición é mais habitual que de costume. Ben ao contrario, convén reducir a preocupación da audiencia o máis axiña posíbel para evitar unha psicose colectiva.
5. A distinción entre reconstrucións, recreación ficticias, hipóteses e feitos debe estar sempre marcada perfectamente. Na meirande parte dos casos, a investigación sobre unha traxedia leva meses ou anos, polo que non se coñecen con exactitude as causas ou os procesos até moito despois de que o acontecemento ocupe espazo nos medios. Os gráficos na prensa e as reconstrucións ou recreacións na televisión teñen que estar identificados como o que son, hipóteses e probabilidades, sen que leven á audiencia a erros.
6. A información fornecida polas persoas afectadas ten que ser valorada e contrastada, como no resto de informacións. Verse convertido por desgraza no protagonista dunha traxedia non pode ser xustificación para introducir na axenda mediática calquera tipo de información. A dor e a desesperación levan decote a realizar declaracións e acusacións sen ningún tipo de proba, polo que o xornalista ten que continuar activo no seu papel de gatekeeper que peneire a información, considerando ás vítimas como o que son, fontes directas e non expertas. De igual xeito, cómpre que se distinga entre o que é e o que non é noticioso na información dada polas persoas afectadas. Nalgunhas ocasións, as vítimas poden fornecer, motu proprio, detalles sensacionalistas que teñen que ser descartados á hora de construir a información.
7. É especialmente importante coidar a linguaxe e evitar recursos espectacularizadores. Máis do que nunca, no léxico utilizado débense eliminar adxectivos e lugares comúns que dramaticen o acontecemento, así como o uso dunha linguaxe efectista. No caso dos medios audiovisuais, non poden ser permitidos os recursos que unicamente teñen unha función espectacularizadora, como a música, os efectos sonoros ou os filtros.
8. No caso de ser necesario, todo tipo de imaxes, sons e declaracións deben ser editados. O uso de material non obtido directamente polo xornalista debe ir acompañado dunha edición que extraia unicamente o que é informativo. Non pode ser permitido, pois, o uso de imaxes de videoafeccionados íntegras e sen eliminar os comentarios de ambiente. Ademais, para garantir o anonimato de persoas afectadas e o seguemento das boas prácticas, pode ser imperativa a edición de todo tipo de material, que deberá ser correctamente indicada, de ser o caso.
9. Non é admisíbel a distinción entre as vítimas. Asignar unha diferencia de "gravidade" ou "interese informativo" ás distintas vítimas en función da súa nacionalidade, estatus, raza, idade, sexo, ou calquera outra condición, non é máis do que unha forma de discriminación. Para non estabelecer comparacións lesivas para parte das persoas afectadas ou da poboación, é necesario que este tipo de gradacións sexan eliminado.
10. No caso de traxedias provocadas pola acción humana, consciente ou non, é necesario expresar con exactitude quen son os implicados. O uso de termos xenéricos como "islamistas" ou "controladores aéreos" expande sospeitas e acusacións a amplos sectores da poboación, como neste caso a toda unha congregación de crentes ou a toda unha profesión. Cómpre, pois, buscar a maior rigorosidade, de cara a non provocar malentendidos e descrédito xeralizado.