Conflicto do Deportivo cos xornalistas

Dossieres

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta que, novamente, os xornalistas coruñeses se vexan sometidos a ataques desde diferentes estamentos do Real Clube Deportivo da Coruña.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta que, novamente, os xornalistas coruñeses se vexan sometidos a ataques desde diferentes estamentos do Real Clube Deportivo da Coruña. En datas aínda recentes, esta Xunta de Goberno tivo que condenar a amenaza que o presidente Augusto César Lendoiro lle dirixiu a un xornalista nunha rolda de prensa coa frase "algún día lo pagarás".

No último número da revista oficial do Deportivo, RCD, aparecen publicadas sen asinar acusacións gravísimas de carácter persoal contra o xornalista e colexiado Fernando Hidalgo, xefe de deportes de La Voz de Galicia. Nesa publicación afírmase que este profesional "personalizou realmente a campaña de acoso e derrubo do Deportivo" e puxo nun "perigoso punto de mira á persona do Presidente do Clube".

Na revista oficial do Deportivo faise referencia á orixe basca de Fernando Hidalgo, e dise que o que chaman campaña contra o clube faina "nun alarde do peor estilo kale-borroka, que el parece ter asimilado dos asasinos que campean polas rúas da súa cidade". O texto fai unha declaración de intencións ó afirmar que "realmente non necesitamos xornalistas con esta perigosa inclinación, que onde mellor estarían é na súa terra".

Conforme á Constitución española e a todas as normas nas que se ampara o exercio do xornalismo, o único que fixo Fernando Hidalgo foi exercer o seu dereito á liberdade de expresión e a súa obriga profesional de informar. No órgano de prensa oficial do Deportivo procédese a facer unha crítica con inxustificables ataques de contido persoal tales como a súa orixe xeográfica, ou agravios comparativos con situacións de violencia na rúa, que só pretenden coaccionar o seu dereito á liberdade de información.

Este comportamento reiterado de distintos estamentos do clube pon en risco non só o exercicio libre da profesión senón a propia seguridade física dos xornalistas. Neste caldo de cultivo, produciuse a recente agresión do xogador Sebastián Taborda ó xornalista do DXT Campeón, Armando Palleiro. Este ataque constitúe un episodio inadmisible que, independentemente da sanción penal que mereza, debe ser cortado de raíz pola presidencia do Clube diante da posibilidade de que poida repetirse ou servir de estímulo para comportamentos violentos dos siareiros.

O CPXG reitera o seu chamamento ó cese inmediato destes comportamentos que nos levan a pensar que son producto dunha campaña dirixida polas instancias directivas do clube contra os xornalistas que exercen un labor crítico no cumprimento da súa obriga profesional.

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 DE MARZO DE 2007
XUNTA DE GOBERNO DO COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA

Documentación