Conclusións do Grupos de Alto Nivel (HLG) sobre Pluralismo e Liberdade de Medios de Comunicación da Comisión Europea

Recursos

Composto polos profesores Vaira Vike-Freiberga, Herta Däubler-Gmelin, Luís Miguel Poiares Pessoa Maduro e Ben Hammersley, coinciden en gran medida coas que vén demandando o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Un grupo independente de expertos reunido pola vicepresidenta da Comisión Europea, Neelie Kroes, en outubro de 2011, para elaborar un conxunto de recomendacións para o respecto, a protección, o apoio e a promoción de pluralismo e a liberdade dos medios de comunicación en Europa, deu a coñecer a semana pasada o seu informe final.

As conclusións do equipo composto polos profesores Vaira Vike-Freiberga, Herta Däubler-Gmelin, Luís Miguel Poiares Pessoa Maduro e Ben Hammersley, coinciden en gran medida coas que vén demandando o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e que están recollidas na Lei de Garantías da Información que promove o Foro de Organizacións de Periodistas (FOP) no que están integrados colexios e sindicatos.

Estas son as principais recomendacións (achegamos a tradución ao galego da introdución completa - Summary of Key Findings and Recomendations - e o informe enteiro en inglés):

  • Debe existir financiamento público para medios esenciais para o pluralismo lingüístico, cultural e político que non son comercialmente viables.
  • Calquera financiamento público debera soamente estar dispoñible para medios de comunicación que publiquen un código de conduta accesible para o público e outorgado sobre a base de criterios non discriminatorios, obxectivos e transparentes que se deran a coñecer con antelación.
  • Todos os países da UE deberan ter consellos de medios de comunicación independentes, con competencias para investigar queixas, comprobar códigos de conduta e conflitos de interese, etc. Os consellos de medios de comunicación deberan ter poderes de aplicación real, como a imposición de multas, a obriga de publicar ou transmitir desculpas, ou a eliminación do estatus de xornalista.
  • Calquera propiedade pública dos medios de comunicación debera estar suxeita a regras estritas que prohiban a interferencia gobernamental, que garantan o pluralismo interno e que estean baixo a supervisión dun corpo independente que represente a todas as partes interesadas.
  • En vista do papel crecente da internet como fonte de información, os usuarios finais de tales servizos necesitan ser informados da aplicación de calquera filtro, selección ou ordenación xerárquica da información que reciben. Ademais, deberan ter o dereito a se opor á aplicación automática de tales algoritmos de filtración, se así o escolleren.
  • O coñecemento dos medios de comunicación debera ser aprendido nas escolas comezando polo nivel secundario.