Cancelado o Debate dos candidatos dos partidos con representación parlamentaria

Dossieres

A Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) comunicou a "cancelación definitiva" do debate entre os tres candidatos dos partidos con representación parlamentaria que programara para este venres.

A entidade atribuíu esta anulación a que o cabeza de cartel do PP, Alberto Núñez Feijóo, "non atendeu os diferentes requirimentos" feitos para que confirmase "de forma indubidable" a súa participación no referido espazo.

Nun comunicado, o ente público galego sinala que Feijóo "non atendeu ós diferentes requirimentos" realizados pola CRTVG para que confirmase a súa asistencia á cita do venres. O candidato 'popular' condicionou a súa participación nese debate a que se producisen outros tres bilaterais.

Posteriormente, onte o PPdeG respondeu ó ultimato lanzado pola mañá pola CRTVG coa proposta de que o debate a tres se adiase á espera de que PSdeG e BNG se pronunciasen sobre se aceptaban un cara a cara cada un con Feijóo.

A CRTVG alega que o proxecto de cobertura que remitiu o pasado 5 de febreiro á Xunta Electoral de Galicia "está axustado ás posibilidades reais de produción" tanto da Televisión de Galicia como da Radio Galega.

"Non son ilimitadas (as posibilidades), polo que unha vez posto en marcha, non é posible ir acomodándoo ás pretensións de cada quen", afirma o ente público, que rexeita un proxecto de cobertura "á carta" das formacións políticas.

Non obstante, o PPdeG rexeita este argumento e considera "rotundamente falso" que non se poida modificar o proxecto de cobertura, aínda que no seu momento non impugnou o punto relativo ó debate a tres bandas. Os 'populares' recriminan á compañía que acumule seis pronunciamentos consecutivos da Xunta Electoral de Galicia censurando "un claro prexuízo ós intereses do PPdeG" e mesmo Feijóo chegou a tachar de "teatriño" o debate entre os tres líderes na televisión pública galega.

Desta forma, finalmente os votantes galegos tampouco poderán contar nestas eleccións autonómicas cun debate televisivo entre aspirantes á Presidencia da Xunta, pese a que os líderes dos tres partidos si participaron nun debate a tres bandas con motivo das pasadas eleccións xerais, cando non eran candidatos.

O único cara a cara televisivo entre candidatos ás eleccións autonómicas en Galicia produciuse en 1993 e enfrontou ó entón presidente da Xunta, Manuel Fraga, co seu rival socialista, Antolín Sánchez Presedo, actualmente eurodeputado.

TAMPOUCO HABERÁ DEBATE RADIOFÓNICO

Ademais, tampouco haberá contraste de pareceres radiofónico, xa que a Cadea COPE tamén informou de que, "ó non darse as circunstancias adecuadas", decidiu anular o debate electoral que formulara celebrar na tarde de onte.

Fontes desta emisora confirmaran a Europa Press que antes de que comezase a campaña electoral cursaron invitacións ós candidatos das tres forzas con representación parlamentaria para os sentar nunha mesma mesa de debate, pero esta cita descartouse porque o PSOE rexeitou esta posibilidade.

Desbotado o debate a tres bandas, a dirección da COPE seguía traballando hoxe a mediodía para tentar que se producise un cara a cara entre Alberte Núñez Feijóo e Anxo Quintana, as dúas forzas políticas que si aceptaran o ofrecemento desta emisora, pero finalmente esta cita tamén foi anulada.

A emisora asegura no seu comunicado que esta anulación "non impide que COPE Galicia continúe coa súa intensa programación electoral", que incluirá entrevistas e outros espazos ata o final da campaña, o próximo día 27

Europa Press

Documentación