Boicot do PP a PRISA

Dossieres

A decisión do Partido Popular de negarse a "atender tódalas convocatorias, entrevistas, tertulias e programas do grupo PRISA" atenta directamente contra o dereito que teñen os cidadáns a producir e recibir información.

Por esta razón fundamental, entendemos que é unha decisión antidemocrática.
Este boicot limita o acceso dos millóns de cidadáns que habitualmente se informan a través dos diferentes medios do citado grupo ao caudal informativo e de opinión que produza o principal partido da oposición, no ámbito xeral de España e no ámbito específico de Galicia. A decisión é moito máis grave aínda no actual contexto político, cando se está ás portas dun novo proceso electoral, e a cidadanía necesita coñecer e contrastar tódalas propostas, para asegurar o xuízo que lle merecen unhas e outras e decidir en consecuencia nas urnas. É nos debates de ideas e nas entrevistas que programen os medios –neste caso, os pertencentes ao grupo que o PP se propón boicotear- onde máis e mellor poden acabar definindo ese xuízo e ese seu posicionamento democrático.

Por outra parte, o PP lesiona con ese boicot o dereito que os profesionais deses medios teñen a producir información de calidade, para o que han ter garantidas a capacidade de iniciativa e a liberdade de movimentos que xuzguen oportunos coa finalidade de acadar dilixentemente ese obxectivo. Ese seu dereito téñeno por delegación: a través deles, a sociedade garante o seu dereito básico a producir e recibir información veraz e plural, tal como lle recoñece o artigo 20 da Constitución. Coa decisión dos populares, os xornalistas deses medios verán coartada esa capacidade de decisión e esa liberdade de movimentos, pois que nunca a súa petición de entrevistas e de participación en debates ou en tertulias e programas de actualidade vai ter acollida.

O boicot resulta aínda máis agravado polo chamado a "accionistas, anunciantes e clientes dese grupo de comunicación" que, de ser secundado, acabaría afectando negativamente a independencia dos medios que o grupo ten abertos en tódolos territorios do Estado.

Por tanto, o CPXG rexeita de raíz esa decisión do Partido Popular e esíxelle a súa rectificación. De non ser así, este Colexio manterase vixiante e denunciará puntualmente as consecuencias que poida ter este boicot na actividade diaria dos xornalistas e o menoscabo que poida causar no dereito á información da sociedade española en xeral, e da galega en particular.

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 DE MARZO DE 2007
XUNTA DE GOBERNO DO COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA

Documentación