Aprobada definitivamente a nova Lei de Comunicación Audiovisual

Dossieres

O pasado mércores, o Pleno do Congreso aprobou definitivamente a reforma da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que flexibiliza a xestión das televisións autonómicas e permite a entrada de empresas privadas.

A reforma, que modifica a aprobada polo anterior Executivo en 2010, foi enviada ás Cortes polo Consello de Ministros a finais de abril e foi tramitada polo trámite de urxencia.

A modificación desta lei provocou as críticas da oposición parlamentaria e de numerosas organizacións do sector da comunicación, entre elas o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que xa manifestou en abril a súa oposición a lei.

Estaba previsto que a norma pasara o seu último trámite a pasada semana no Senado, pero adiouse ao incluír a Cámara Alta unha emenda, acordada a última hora, para recuperar unha mención expresa á prohibición da pornografía e a violencia gratuíta.

A nova lei permite privatizar a xestión ou os servizos informativos das televisións públicas, unha posibilidade que ata o momento xa anunciaron que ían aproveitar a Comunidade Valenciana, Madrid e Castela-A Mancha.

A CRTVG, porén, ten descartado en varias ocasións a privatización do ente.

Documentación