A TVG convoca o debate entre os líderes políticos galegos o 27 de febreiro

Dossieres

O pleno do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) aprobou o plan de cobertura dos medios públicos galegos para as eleccións xerais do 9 de marzo.

O plan de cobertura inclúe un debate electoral entre os líderes das tres forzas políticas con representación parlamentaria o próximo 27 de febreiro, así como debates entre os cabezas de cartel das catro provincias, que se emitirán en desconexión provicial o 5 de marzo.

Segundo informaron fontes da dirección da TVG, a cadea pública convocará aos dirixentes de PPdeG, PSDEG e BNG a un debate electoral que se emitirá o próximo 27 de febreiro ás 22.00 horas.

Á marxe, o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, tamén confirmou a súa asistencia ao espazo que se emitirá o próximo 18 de febreiro no seo do programa 'Hai Debate!', aínda que ningún dos outros dous líderes asistirá porque Emilio Pérez Touriño xa dixo que acudirá ao debate dentro de campaña electoral -que arrinca a medianoite do 22 de febreiro- e Alberto Núñez Feijóo declinou a invitación debido a unha viaxe a Arxentina e Uruguai.

Así mesmo, a TVG celebrará debates en cada unha das circunscricións electorais cos tres cabezas de lista de PPdeG, PSDEG e BNG en cada provincia, que serán emitidos de forma simultánea ás 22.00 horas do 5 de marzo. O ente público baseouse en que o seu ámbito de difusión é a Comunidade galega para invitar ás tres formacións políticas que contan con deputados no Congreso por algunha das catro provincias galegas.

'Anuncios' políticos

Na reunión do pleno do Consello de Administración tamén se aprobou o cambio dos bloques gratuítos de propaganda electoral por 'anuncios' publicitarios de 30 segundos e a súa distribución entre as forzas políticas.

Desta forma, nesta campaña electoral a televisión autonómica emitirá un total de 460 'anuncios' repartidos a razón de 90 do PPdeG, 90 do PSDEG e 60 do BNG, mentres que as outras once candidaturas proclamadas por Galicia e que se presentan nas catro provincias contarán cada unha con 20 espazos de 30 segundos cada un -10 minutos en total-.

LA REGIÓN
SANTIAGO DE COMPOSTELA

Documentación