A CRTVG propón ante a JEC un debate a tres o 20 e entrevistas cos líderes entre 25 e o 27

Dossieres

A Compañía de Radiotelevisión de Galicia propón ante a Xunta Electoral Central un debate a tres bandas entre os cabezas de cartel das forzas políticas con representación no arco parlamentario --PPdeG, PSdeG e BNG--, así como entrevistas individuais cos tres líderes os días 25, 26 e 27, que se iniciarán con Anxo Quintana (cuxa formación contan con menor número de escanos no Hemiciclo) e acabarán con Feijóo (que representa o partido maioritario).

Esta foi a proposta votada o mércores no Consello de Administración da CRTVG no que os partidos políticos abordaron o proxecto de cobertura do ente público para a campaña electoral, que se resolveu cun empate a cinco votos, aínda que o resultado non é vinculante.

A igualdade dos votos débese á ausencia de dous membros dos socios do bipartito --un por enfermidade grave e outro por falecemento--. Debido a esta situación, o PPdeG retirou a un dos seus membros para realizar a votación, pero pese a que os socios instaron a que fosen dous, finalmente se someteu a proposta ó parecer dos representantes e resultou con cinco a favor e outros tantos en contra.

Aínda que os populares permitiron, coa ausencia de un dos seus conselleiros, que se formalizase o empate, socialistas e nacionalistas consideran que o resultado da votación non reflicte a maioría coa que os socios da Xunta contan neste órgano.

O PSdeG tachou a actitude dos populares de "xogo sucio" de tentar "sacar proveito" das ausencias dos representantes socialista e nacionalistas para "impor os seus criterios nun órgano que non teñen maioría".

Deste modo pronunciouse o secretario provincial do PSdeG da Coruña e membro do Consello de Administración da CRTVG, Moisés Rei, que acusou ós populares de "non atender ás máis elementais normas de respecto, dignidade e cortesía para conseguir os seus obxectivos políticos".

Polo seu lado, os nacionalistas lamentaron que "só se ausentase" un membro do PP e, polo tanto, "impedise" que se reflectise a maioría "real" que existe no consello, o cal enmarcan na "obstaculización" que os populares están a facer á celebración dos debates.

Outros debates

Ademais da presenza dos líderes, o director da compañía da CRTVG, Benigno Sánchez, proporá ante a JEC debates electorais entre os 'número un' provinciais para o día 23 de febreiro e entrevistas con eles entre o 16 e o 18, ambas as dúas citas con desconexions territoriais provinciais.

Segundo as fontes consultadas por Europa Press, o director do ente público formulará á Xunta Electoral Central a posibilidade dun debate a tres bandas entre os representantes que as forzas políticas designen, aínda que se baralla que sexan os 'números dous' de cada formación política, é dicir Alfonso Roda (PP), Ricardo Varela (PSdeG) e Francisco Jorquera (PSdeG).

Nesta proposta están excluídos os candidatos á Presidencia da Xunta e para a levar a cabo, fixouse o día 11 deste mes, xusto antes do inicio da carreira electoral. Con todo, esta oferta non se votou, pero Benigno Sánchez comunicou, ó final da reunión, que a presentaría.

Os principais debates, os do día 20 e 11, serán retransmitidos en directo a partir das 21.30 horas e o sinal será cedido a todas as cadeas de televisión que queiran dispor das imaxes dos encontros. Polo seu lado, as entrevistas ós candidatos provinciais emitiranse sobre as 22.30, fronte ás 23.20 horas previstas inicialmente.

Valoracións

En canto a esta proposta, o PPdeG insistiu na necesidade de que "por responsabilidade" se celebre un cara a cara entre os dous candidatos con "posibilidades reais" de presidir a Xunta, en alusión a Touriño e Feijóo e considerou un "desprezo" a negativa socialista a esta proposta.

"A xente non quere un paripé, quere un debate de verdade", sentenciou o líder dos populares nun acto en Ourense, e chamou a socialistas e nacionalistas a "reflexionar" e aceptar o reto formulado polo PP.

En todo caso, ante o rexeitamento do PSOE a esta fórmula, o Partido Popular defendeu na reunión de hoxe que se celebren tres debates bilaterais, un entre Touriño e Quintana; outro entre Feijóo e Quintana; e un terceiro entre Feijóo e Touriño.

Para os populares, os debates cara a cara son, ademais dun "dereito do electorado", unha "práctica habitual" de todos os países democráticas e, como exemplo, puxo as últimas eleccións americanas, nas que houbo catro cara a cara ou as pasadas xerais, con dous debates entre José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy.

Fronte a isto, Moisés Rei acusou ó PP de "ameazar" con evitar o debate a tres bandas e interpretou que con esta estratexia pretende "evitar a mobilización que sempre xeran na cidadanía os debates televisados".

"Non queren que a xente vaia votar", concluíu, e erixiu ós populares en "auténticos expertos" nisto xa que, lembrou, este será o primeiro gran debate que se celebre en Galicia nos últimos 15 anos.

Tamén o BNG censura, segundo indicaron fontes desta formación a Europa Press, a postura do PPdeG por "querer eludir" que a realidade existente en Galicia "é un mapa político a tres", con ese número de forzas políticas.

Por outro lado, o Bloque valora os cambios na proposta inicial da CRTVG e entenden que a compañía "foi receptiva" ás súas propostas. Por iso, celebrou que se modificase o proxecto inicial de cobertura, que a organización frontista non vía adecuada para se tratar dunhas "eleccións de país".

EUROPA PRESS
SANTIAGO DE COMPOSTELA