Xornalistas Galegas porá en marcha unha axenda de expertas e un observatorio feminista de medios
A presentación do colectivo Xornalistas Galegas o pasado sábado en Santiago de Compostela avanzou as súas liñas de traballo para o futuro, entre as que destacan a creación dunha axenda de expertas a disposición dos medios e a posta en marcha dun observatorio dos medios.
A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación asociación co obxectivo de acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria a partir dun xornalismo con perspectiva feminista, presentouse ao público o pasado sábado 10 de novembro no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
O colectivo, xurdido da iniciativa As xornalistas paramos na folga de mulleres do pasado 8 de marzo, e que xa se dera a coñecer co manifesto Por un xornalismo feminista, presentou en sociedade as súas liñas de traballo para o futuro, entre as que destacan a creación dunha axenda de expertas e un observatorio feminista de medios. A axenda de expertas, na que xa se está a traballar, porase a disposición das redaccións galegas e permitirá contar con especialistas femininas para o tratamento das informacións en ámbitos como a economía, a ciencia, ou o deporte. O observatorio de medios, pola súa banda, sacará o seu primeiro informe para o vindeiro 8 de marzo e quere convertirse nun organismo dende o que realizar unha vixilancia feminista dos contidos e o tratamento das mulleres nos medios.
A presentación pública das Xornalistas Galegas contou coas intervencións da catedrática de comunicación e xornalista Margarita Ledo, quen destacou cómo cambiou a situación das mulleres xornalistas pero salientou que "é imprescindible seguir traballando para combater o sexismo", e a teórica feminista Rosa Cobo, que remarcou como os medios de comunicación son poderosos axentes de socialización, e como conforman a opinión pública. Ademais, unha mesa de expertas formada por Paz Filgueira, Joana Magalhães, Alba Nogueira, Silvia Pérez Freire, María Xosé Porteiro e Elena Roca, insistiu na importancia do asociacionismo para acadar a igualdade de xénero en todos os ámbitos.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que asistiu como convidado a presentación das Xornalistas Galegas, saúda o nacemento deste colectivo e espera poder colaborar e sumar esforzos na loita contra o machismo nas redaccións e nas informacións. Con este obxectivo, o Colexio ten promovido iniciativas como a Declaración de Compostela, a Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra a muller ou as recentes campañas en redes #NonDifundasMachismo e #IgualdadeDePrensa.
CPXG