Sometido a información pública o anteproxecto de lei do Colegio de Periodistas de Cantabria

Este luns publicábase no Boletín Oficial de Cantabria a resolución pola que se somete a información pública o anteproxecto de lei de creación do Colegio Profesional de Periodistas de Cantabria, un dos últimos pasos para que a creación deste colexio, que se sumaría así aos xa existentes no Estado e agrupados na Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas.

O Boletín Oficial de Cantabria publicaba o pasado luns 20 a resolución da Consellaría de Presidencia e Xustiza pola que se somete a información pública o anteproxecto de lei de creación do Colegio Profesional de Periodistas de Cantabria. Ábríase entón un prazo para presentar alegacións ao documento que finaliza o vindeiro 16 de xuño.

Este é un dos últimos pasos para a creación dun novo colexio de xornalistas, na comunidade cántabra, cuxo proceso comezou en decembro do ano pasado, cando a Asociación de Periodistas de Cantabria (APC) acordou iniciar os trámites necesarios. No pasado mes de abril, a APC xa anunciara que a constitución do Colegio Profesional de Periodistas de Cantabria avanzaba "a bo ritmo" e que estaría operativo "nuns poucos meses". 

Actualmente existen en España nove Colexios Profesionais de Xornalistas (Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e o País Vasco), que dende o 14 de xuño de 2018 están agrupados na Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas. Ademais, en decembro do ano pasado celebrábase a asemblea constituínte do Colegio Profesional de Periodistas de Aragón, que actualmente ten unha Xunta de Goberno Provisional en espera da celebración de eleccións.

CPXG