Seguir avanzando desde o xornalismo na loita contra as violencias machistas

Primeira sesión da formación en igualdade posta en marcha polo Colexio de Xornalistas

Chega o 25N e as e os xornalistas volvemos poñer o foco nas violencias machistas, como facemos cada vez que asistimos a un novo feminicidio. Unha muller asasinada no que vai de ano en Galicia, 37 no conxunto do Estado. 1.118 feminicidios desde 2003, segundo os datos oficiais. Temos que preguntarnos como cubrimos as violencias machistas que padecen as mulleres polo simple feito de ser mulleres e que podemos achegar nós, como xornalistas, a que a sociedade se mobilice contra este problema, que é estrutural e é de Estado. 

Por iso, desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quixemos pór en marcha o plan de formación nos medios de comunicación galegos que estamos a levar a cabo co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, para o tratamento das violencias machistas. Un proxecto ambicioso que busca levar ás redaccións dos xornais, radios e televisións galegas unha serie de pautas e reflexións que melloren o resultado final do traballo xornalístico. 

E unha das primeiras cousas que aprendemos na etapa inicial deste proxecto, a preparación dunha ducia de xornalistas que despois compartirán o aprendido coas compañeiras e compañeiros do resto dos medios de comunicación, é que cómpre falar de violencias machistas en plural. A profesional que está a guiar este curso, a xornalista especializada en igualdade Isabel Menéndez, deixou claro desde o comezo da súa intervención que o que non se nomea non existe e que falar de violencia machista pode perpetuar a idea de que esta só se refire a vítimas dentro da parella, o que antes se cualificaba como “violencia doméstica”. En cambio, ao referírmonos a violencias machistas en plural deixamos aberto o abanico de situacións ás que se enfrontan as mulleres que son constituíntes deste tipo de violencias.

Por suposto que non podemos deixar de poñer o foco nos asasinatos machistas. Os feminicidios son a manifestación máis cruenta das violencias machistas, do mesmo xeito que os casos de violencia vicaria que –por desgraza– estamos a ver con frecuencia no Estado. É preciso chamar as cousas polo seu nome e contarmos o que acontece, pero sen deixar que as violencias machistas estean representadas só polos asasinatos nas nosas coberturas xornalísticas. Aproveitemos para falar devagar cando non hai unha muller asasinada, expliquemos o que hai detrás destas violencias e poñamos o foco tamén nos agresores. Sen revitimizar, sen eufemismos, sen sensacionalismo e con perspectiva de xénero. 

Un dos retos presentes nos medios de comunicación é o tratamento dos casos de violencia sexual cuxa repercusión mediática se está a incrementar en todo o mundo. Na era post Me Too sabemos que estes casos tamén son violencias machistas e, por moito que se xulguen baixo unha lexislación diferente, as e os xornalistas debemos definilos como tales. Queda moito por reflexionar dentro da profesión, e tamén para iso han servir as formacións que se van levar a cabo nas redaccións galegas. Buscamos puntos de encontro entre compañeiras e compañeiros, con exemplos reais sobre a mesa, que nos axuden a devolverlle á cidadanía o que nos pide: información veraz e honesta. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia leva traballado moito sobre o papel do xornalismo fronte as violencias machistas. A Declaración de Compostela, que o Colexio impulsou en 2004, continúa a ser unha ferramenta de consulta rápida que axuda no día a día do traballo, lembrando pautas básicas para o tratamento das violencias machistas, como a obriga de enfocalas como unha violación dos dereitos humanos e un problema social encadrado na discriminación das mulleres, a necesidade de evitar o sensacionalismo e respectar o dereito á intimidade ou a importancia dun enfoque especializado que fuxa da neutralidade.

Porén, e sen esquecer que moitos dos compromisos da Declaración de Compostela seguen a ser incumpridos nalgunhas informacións, é necesario continuar avanzando na mellora do tratamento xornalístico das violencias machistas, de maneira que o conxunto de profesionais da información contribuamos tamén co noso traballo á súa erradicación. A formación que iniciamos este ano quere ser un paso máis nese camiño, mais cómpre o compromiso de medios e xornalistas para extender estes coñecementos a todas as redaccións. Só coa participación de toda a profesión poderá garantirse unha información responsable, que sume esforzos á loita pola eliminación de todas as violencias machistas.  

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia