Santiago Jaureguizar gaña o XXVI Premio Xosé Aurelio Carracedo
O xornalista Santiago Jaureguizar gañou o XXVI Premio de Xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", convocado pola Deputación de Ourense, polo seu artigo Os amigos do cadáver de Blanco Amor, publicado no El Progreso.
Santiago Jaureguizar, redactor de Cultura do El Progreso, vén de gañar a vixésimo sexta edición do Premio de Xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", convocado anualmente pola Deputación de Ourense
O xurado do premio decidiu onte conceder o galardón ao xornalista polo artigo Os amigos do cadáver de Blanco Amor, publicado no El Progreso, destacando "a calidade xornalística do artigo, o sentido crítico e a proposta de 'actualizar', por medio dunha personaxe histórica da literatura galega, como é Eduardo Blanco Amor, a crítica á situación social que vivimos nestes momentos".
Nado en Bilbao, aínda que pasou a infancia en Ribadeo, Santiago Jaureguízar é redactor de Cultura do El Progreso dende 1993, e neste diario coordina o suplemento cultural Táboa Redonda. Ten acadado os premios de xornalismo Manuel Reimóndez (no 2005) e Museo Provincial de Lugo (no 2009). Un dos principais nomes do movemento Bravú, ten tamén unha ampla obra literaria, coa que obtivo os premios Lueiro Rey, Xerais, García Barros, Terra de Melide e Caixa Galicia de Literatura Infantil e Xuvenil.
O xurado estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval Soto, e integrado por Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Xosé Francisco Rodil Lombardía, membro da Comisión de Garantía da FAPE; Francisco González Sarria, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Xosé Manuel Baamonde Silva, decano da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra, actuando como secretario Fernando Rodríguez Méndez, responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.
A entrega do premio terá lugar na Deputación de Ourense, nun acto que se celebrará no Salón de Plenos da institución provincial o día 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa.
CPXG