O Informe da FIP recolle 112 xornalistas asasinados en 2015 e 2.297 desde 1990
A Federación Internacional de Xornalistas fixo público o seu novo informe Journalists and Media Staff Killed 1990-2015, no que se recollen os profesionais da comunicación asasinados no último ano 2015, así como nos 25 anos que se levan realizando os informes. O relatorio recolle 112 vítimas no 2015, e un total de 2.297 mortos desde 1990.
A Federación Internacional de Xornalistas (FIP) publicou este mércores o seu novo informe sobre xornalistas e traballadores dos medios asasinados, Journalists And Media Staff Killed 1990 -2015. O relatorio recolle 112 vítimas mortais no 2015, que sumados ás recollidas nos anteriores informes suman un total de 2.297 mortes rexistradas debido á violencia exercida contra o xornalismo desde 1990.
No ano pasado, Francia encabezou a lista de países máis mortíferos para os profesionais da comunicación, debido ao masacre da sede de Charlie Hebdo en París, onde 10 xornalistas e traballadores da revista foron vítimas de los terroristas. Xunto a Francia, Iraq e Iemen tamén contabilizaron dez profesionais dos medios asasinados, aínda que neste caso en distintos ataques. México e Honduras (con 8 profesionais asasinados cada un), Filipinas (7), India e Libia (6), Siria (5), Brasil e Somalia (4), Afganistán, Colombia, Guatemala e Paquistán (3), Bangladesh, Estados Unidos e Ucraína (2) e Acerbaián, Burundi, Fidxi, Ghana, Kenya, Malí, Mozambique, Polonia, a República Democrática do Congo, a República Dominicana e Turquía (con 1) completan a lista.
O informe indica que mesmo aínda que boa parte dos asesinatos se produzan en países en guerra ou con conflitos armados, "unha das conclusións recorrentes dos nosos informes é que se rexistran moitos máis asasinatos en situacións de paz que en países golpeados pola guerra", dado que moitas veces os xornalistas son vítimas do crime organizado ou de oficiais corruptos. Desde 1990, o informe recolle 571 profesionais dos medios asasinados en Asia e no Pacífico, 473 en Oriente Medio e no mundo árabe, 472 en América, 424 en África e 357 en Europa. Iraq (309 mortos), Filipinas (146), México (120), Paquistán (115), Rusia (109) e Alxeria (106) son os países con maior número de profesionais asasinados. As cifras pasaron dos dous díxitos desde o comezo da publicación a tres en só once anos, sendo 2006 o pior ano para a profesión con 155 asasinatos, segundo os datos da FIP.
CPXG