O Goberno regulará o segredo profesional dos e das xornalistas

O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, anunciou este mércores 23 de novembro, no marco dunha ponencia das xornadas 'Metafuturo' celebradas no Ateneo de Madrid, que o Goberno está a preparar unha nova lei para "regular axiña o dereito fundamental dos informadores" ao segredo profesional. "O dereito fundamental do cidadán a recibir información veraz ten un paso previo e unha premisa, que é o dereito dos informadores a transmitir esa información e iso require unha serie de garantías", manifestou o ministro.

A redacción dunha lei que desenvolva o dereito ao segredo profesional é un mandado do artigo 20.1.d da Constitución Española, até agora reiteradamente ignorado por todos os gobernos, e, por iso mesmo, foi unha das principais reivindicacións dos colexios profesionais e as organizacións de xornalistas ao longo destes case 44 anos. A raíz deste anuncio, CCOO, UGT e FeSP, en nome do Foro de Organizacións de Xornalistas no que está integrado o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, xunto coa FAPE, emitiron un comunicado, no que celebran o anuncio e “ven con satisfacción que se tiveran en conta a súa reivindicación e o seu traballo nesta materia para que poida ser unha realidade pronto”.

Pola súa banda, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas congratúlase de que por fin haxa vontade de pór en marcha a regulación deste dereito fundamental das e dos xornalistas, cuxa falta de desenvolvemento provocou no pasado algúns atropelos contra a liberdade de información. 

CPXG