O FOP pide ao Goberno que aborde o grave problema do xornalismo

O Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP) solicitou hoxe ao Goberno que "se tome en serio" o grave problema que padece o xornalismo en España, debido tanto á crise económica como á falta de regulación legal desta profesión, "e atenda as reivindicacións que desde hai anos vimos presentando as organizacións sindicais e profesionais".

Nun escrito remitido ao secretario de Estado de Comunicación, Miguel Ángel Oliver Fernández, o FOP indica que non son peticións corporativistas para beneficiar aos profesionais do xornalismo, "senón propostas que deben ser unha realidade para que se cumpra de xeito pleno o dereito á información da cidadanía".

Lembra que España é "un dos escasos exemplos en Europa que aínda non aprobou unha regulación lexislativa da profesión xornalística, establecendo nunha lei os dereitos e obrigas dos profesionais da información, como encargados que son de que se cumpra o dereito constitucional e humano da cidadanía a recibir información veraz e plural".

As organizacións que integran o FOP fixeron chegar ao Goberno unha serie de peticións, entre elas que presente un proxecto de lei -ou promova unha proposición de lei por parte do Grupo Socialista do Congreso- que regule os dereitos e deberes dos e das xornalistas, para que poidan traballar en condicións dignas, e as dos empresarios dos medios de comunicación, único xeito de garantir plenamente o dereito á información da cidadanía.

Tamén solicita o FOP unha reforma da Lei de Propiedade Intelectual, para mellorar a regulación dos dereitos de autoría; medidas para garantir a independencia de RTVE, a axencia EFE e todos os medios públicos (radios e televisións autonómicas e locais), e un Consello Estatal de Medios Audiovisuais que garanta o funcionamento correcto dese servizo público, porque España é o único país da Unión Europea onde non existe un organismo regulador do mercado audiovisual.

As organizacións integrantes do FOP reclaman, como veñen facendo desde hai anos, que se regulen por lei os dereitos e deberes dos e das xornalistas á peza, colaboradores/as e 'freelance', incluíndoos na Seguridade Social coa correspondente cotización por parte das empresas, como ocorre noutros países europeos.

O Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP) está integrado pola Agrupación de Xornalistas de CCOO, Agrupación de Xornalistas de UGT, Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Col·legi de Periodistes de Catalunya, Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión (ANIGP-TV) e Sindicat de la Imatge UPIFC.

FOP