O Comité Intercentros da CRTVG esixe unha investigación sobre a suposta filtración da previa dunha entrevista á Ministra de Igualdade

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia faise eco do comunicado do Comité Intercentros da Corporación Radiotelevisión de Galicia en relación ás publicacións que acusan ao entorno da televisión pública galega de ser a orixe da filtración ao xornal ABC de declaracións da Ministra de Igualdade Irene Montero realizadas previamente a unha entrevista no programa En Jake da televisión vasca. 

O Comité Intercentros da Corporación RTVG esixe unha investigación seria e independente para clarexar a posible filtración desde os arquivos da televisión pública a un medio privado da previa dunha entrevista á Ministra de Igualdade, Irene Montero, na que facía uns comentarios confidenciais sobre as manifestacións do 8M.

O Comité considera que os feitos deterioran gravemente a credibilidade dos medios públicos de Galicia no caso de que non se aclare se ese material, procedente de Euskal Telebista a través do intercambio de información da FORTA, se extraeu dos arquivos da CRTVG para cederllo ao diario ABC, quen se fixo eco do contido dos comentarios da ministra “off the record” en contra da praxe xornalística establecida.

Precisamente, para a representación sindical, o comunicado emitido pola dirección da CRTVG sobre o caso carece de honestidade ao asegurar que rexeita o uso de material confidencial cando as declaracións da previa se emitiron e difundiron sen pudor nos informativos da TVG usando as imaxes en alta calidade custodiadas no arquivo propio xusto despois da súa publicación por parte do diario madrileño. A representación do persoal lamenta que nos arquivos da TVG figure unha descripción do contido deses minutos previos á entrevista con Irene Montero, unha práctica deontoloxicamente rexeitable que nunca debeu producirse e que merece formar parte da investigación para depurar as responsabilidades que puidese haber e impedir a reiteración destas accións no futuro. Solicita o comité que nesta investigación se listen os accesos que houbo a ese material, cando, por parte de quen e con que propósito.

O Comité Intercentros lamenta que a inacción da dirección para investigar os feitos permita que se cuestione a integridade dos xornalistas e profesionais da CRTVG, xa que non se está a aclarar a posible extracción dese material nin a identificar ás persoas que puideron participar nesa filtración usando material de titularidade pública para defender intereses particulares e partidistas, e concretamente no que parece unha estratexia de desgaste político construída a través deste caso polo Partido Popular ás portas dunhas eleccións autonómicas co obxecto de responsabilizar da extensión da pandemia a quen autorizou os actos do 8M, nunhas datas nas que aínda se celebraban todo tipo de eventos masivos de carácter político, deportivo, cultural e social.

O Comité lembra que o persoal da CRTVG leva anos denunciando e loitando contra a manipulación informativa a través de iniciativas como o blog “eunonmanipulo”, actos como os “venres negros", manifestacións como a do 8 de setembro de 2018 “pola dignidade dos medios públicos”, denuncias no Parlamento europeo ou o movemento o movemento #defendeagalega precisamente para esixir que cesen esas prácticas promovidas por determinadas persoas e amparadas polo goberno do PP ao incumprir o imperativo legal de democratizar e despolitizar os medios públicos executando as medidas correctoras de independencia e pluralidade que establece a Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

A representación sindical esixe, unha vez máis, que o Consello de Administración aplique de xeito inmediato o artigo 36 desa lei, que establece a obriga de elaborar un Estatuto Profesional para a Corporación RTVG e o Consello de Informativos para dese xeito velar pola pluralidade e independencia dos medios públicos, evitando situacións como a actual que deterioran gravemente a a súa credibilidade e incrementan unha fenda coa sociedade galega a través de praxes contrarias á honestidade e o rigor xornalístico promovidas por unha dirección cun proxecto caduco desde hai xa anos.

O Comité Intercentros, que hai uns días denunciaba o secuestro dos medios públicos de comunicación de Galicia por parte do Partido Popular, lamentando a súa utilización perversa para facerlle a precampaña ao candidato Alberto Núñez Feijóo e advertindo de que estas prácticas se agravarían coa proximidade da campaña electoral, agardará á resposta da dirección da CRTVG para valorar a adopción doutras medidas, sen descartar a convocatoria de mobilizacións para esixir a posta en marcha da investigación sobre a suposta filtración que esixe hoxe a representación do persoal.

COMITÉ INTERCENTROS DA CRTVG