O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta a impotencia do xuíz Pedraz ao ter que arquivar o caso Couso

Ante a noticia de que o xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz pechou a causa na que investigaba a morte do cámara José Couso no hotel Palestina de Bagdad en 2003, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia critica que así vaia quedar impune o asasinato dun profesional da información.
É o propio xuíz quen, no auto no que decide o peche da causa para logo arquivala, lamenta que a pesar de que existen "suficientes indicios racionais contra tres militares do Exército de Estados Unidos" o que cualifica de "crime de guerra" vaia quedar sen castigo, a causa da reforma da ley de xustiza universal impulsada polo PP.

A reforma quitoulles aos tribunais españois a xurisdición para investigar ou axuizar delitos cometidos en época de guerra no estranxeiro, quitado que o presunto autor sexa español, ou un estranxeiro que resida en España. Pedraz mantiña desde 2010 procesados e con orde de busca e captura ao tenente coronel Philip de Camp, ao capitán Philip Wolford e ao sarxento Thomas Gibson, acusados de homicidio.

O Colexio Profesional critica, como o xuíz, que a normativa española en xustiza universal deixe indefensos a xornalistas ou cooperantes en territorios onde se produzan conflitos armados, quitado que os autores tomen posteriormente a improbable decisión de ir residir a España. E que non sequera se poden abrir dilixencias desde aquí como identificar á vítima ou solicitar unha autopsia.

O CPXG solidarízase unha vez máis coa familia de José Couso e con todos os achegados e manifesta a súa disposición de seguir reivindicando xustiza para o seu caso e manter viva a súa memoria.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia