O Colexio de Xornalistas lembra as recomendacións para o tratamento informativo da saúde mental

Hoxe, mércores 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental. Con este motivo, o Colexio de Xornalistas quere lembrar as recomendacións sobre tratamento da saúde mental de Informa_Dor, redactadas polo CPXG e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Unha de cada catro persoas experimentarán, nalgún momento da súa vida, un problema de saúde mental. Ante unha realidade tan presente pero tan descoñecida na nosa sociedade, os medios de comunicación teñen un papel esencial para achegar o coñecemento sobre este eido da saúde á cidadanía, así como para axudar a desterrar estereotipos, prexuízos e discriminación contra as persoas que padecen unha enfermidade mental.

Con este obxectivo, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia redactaron hai un ano, dentro das recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano Informa_Dor, a Guía práctica para o tratamento informativo da saúde mental, onde poden atoparse consellos sobre como tratar a saúde mental, malas prácticas a evitar e outras recomendacións e fontes de interese.

Traballar por un xornalismo máis xusto e inclusivo é tarefa de todas e todos os xornalistas. Por iso, o Colexio de Xornalistas quere instar a toda a profesión galega a aplicar estas recomendacións á hora de abordar informacións relacionadas coa saúde mental. Porque un xornalismo que visibilice as enfermidades mentais e combata os estigmas é un mellor xornalismo. 

CPXG