O Colexio de Xornalistas chama os medios á reflexión no Día contra a violencia machista

No Día Internacional contra a violencia de xénero, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia reitera o seu rexeitamento a todas as manifestacións da violencia contra as mulleres e convida aos e ás xornalistas galegas a unha reflexión profunda sobre o papel dos medios de comunicación na loita contra os crimes machistas, un dos máis graves problemas da nosa sociedade.

Os medios de comunicacións son decisivos na visibilización sobre a violencia de xénero pero, malia as melloras no seu tratamento informativo, seguen existindo exemplos abondos de abordaxes inadecuadas. Os asasinatos machistas non son acontecementos fortuítos nin sucesos illados nin crimes paixonais. É tarefa das e dos xornalistas poñer o foco nas súas causas estruturais. As novas sobre violencia de xénero deben afrontarse sen eufemismos, evitando o sensacionalismo, a culpabilización das vítimas e a xustificación das agresións. É recomendable que os medios dispoñan de códigos autorregulatorios sobre o tratamento da violencia de xénero, pero sobre todo que poñan en práctica no día a día principios como os recollidos na Declaración de Compostela, entre eles a consulta a fontes expertas e a protección da intimidade das mulleres agredidas e das súas familias.

Con todo, os asasinatos machistas son só a consecuencia máis extrema e visible da violencia machista. A desigualdade entre homes e mulleres afecta a todos os ámbitos sociais e tamén aos propios medios, cuxos postos de dirección están ocupados maioritariamente por homes malia que as redaccións son crecemente femininas. Un compromiso activo coa igualdade esixe tamén a eliminación das mensaxes sexistas nos contidos informativos e de entretemento. Cómpre que os medios reflictan unha imaxe máis ampla, diversa e realista do papel das mulleres na nosa sociedade e que sexan especialmente coidadosos nas mensaxes dirixidas ao público infantil e xuvenil. A sensibilización e formación en igualdade das empresas da información e dos seus traballadores e traballadoras é crucial para conseguirmos un futuro igualitario e sen violencia.

Xunta de Goberno do CPXG

 

var addthis_config = {"data_track_clickback":true};