O Colexio de Xornalistas chama a tratar con especial coidado as informacións sobre persoas sen fogar

Flashmob en favor das persoas sen fogar realizado en 2015 (Foto: Cáritas)

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai un chamamento a tratar con especial responsabilidade as informacións sobre persoas sen fogar, a raíz dunha denuncia referente a unha nova publicada o pasado 4 de xuño en El Correo Gallego sobre a situación dun membro deste colectivo en Santiago de Compostela. 

Semella evidente que facer noticia dunha situación que o propio titular cualifica como "estado lamentable" dunha persoa non só significa un exceso do que debe ser considerado noticioso, senón tamén unha intromisión na intimidade e o dereito á honra. Neste sentido, cómpre lembrar que o artigo 9 do Código Deontolóxico do Xornalismo Galego estabelece a necesidade de "respectar o dereito das persoas á súa propia intimidade e imaxe, especialmente en casos ou acontecementos que xeren situacións de aflición ou dor, evitando a intromisión gratuíta". O ataque á intimidade desta persoa é aínda máis grave ao publicárense na nova a súa fotografía, o seu nome completo e datos relativos á súa vida privada.

Neste caso, ademais, aos incumprimentos ao código deontolóxico súmase o feito de que afecte a unha persoa pertencente a un colectivo en situación vulnerábel, polo que é necesario ter un especial coidado para evitar a súa estigmatización. Cómpre lembrar que o Código Deontolóxico insta a "actuar con especial responsabilidade e rigor no caso de informacións ou opinións con contidos que poidan suscitar discriminacións por razóns de sexo, raza, crenza ou extracción social e cultural [...] evitando expresións ou testemuños vexatorios ou lesivos para a condición persoal dos individuos e a súa integridade física e moral". Unha responsabilidade e rigor que non se aprecia nin no fondo nin na redacción desta información. 

É fundamental que xornalistas e medios se comprometan na comunicación da realidade das persoas sen fogar, polo xeral descoñecida pola sociedade, e que eviten a trasmisión de estereotipos e estigmas que só contribúen á súa exclusión da sociedade. Neste sentido, o Colexio de Xornalistas fai un chamamento a toda a profesión galega a respectar con especial cautela o Código Deontolóxico nas informacións sobre este colectivo, así como a consultar e aplicar as recomendacións de colectivos como a European Anti Poverty Network ou a Xarxa d'Atenció a Persones Sense Llar de Barcelona.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia