O Colexio de Xornalistas asina o manifesto en defensa de catro informadores acusados de falso testemuño

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia asinou o manifesto presentado hoxe en defensa de catro xornalistas acusados de falso testemuño, logo de que un deles denunciara unha presunta agresión policial. O documento, apoiado por vinte e cinco organizacións, solicita a nulidade da condena en costas ao informador denunciante, o arquivo do novo procedemento penal que pode abrirse contra os catro xornalistas e a derogación da Lei Mordaza.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é un dos asinantes do comunicado feito público esta mañá en defensa do xornalista Guillermo Martínez e outros tres informadores acusados de falso testemuño. Os feitos teñen a súa orixe na denuncia que Martinez realizou dun posíbel delito leve de lesións por parte dun axente antidisturbios o 7 de abril de 2021, mentras cubría para El Salto Diario un mítin de Vox en Vallecas (Madrid). Pese ao informe forense presentado, os vídeos que mostran a agresión e a declaración doutros tres xornalistas que foron testemuñas dos feitos, a xuíza non só non apreciou agresión ningunha, condenando  Martínez a pagar as costas senón que pediu que se investigue aos catro informadores por presumíbel falso testemuño.

O manifesto considera esta situación "un ataque ao xornalismo" que "lanza unha mensaxe das consecuencias que pode ter denunciar xudicialmente a violencia policial" e lembra que a Comisión Europea e a Federación Europa de Xornalistas xa advertiron dun aumento da violencia dos corpos de seguridade contra os informadores en España. Por todo iso, as organizacións asinantes solicitan a estimación do recurso que no que se pide a nulidade da condena en costas, o arquivo inmediato do novo procedemento penal que pode abrirse contra os catro xornalistas e a derogación da Lei Mordaza que limita a libertad de información.

Este é o texto completo do manifesto: 

Un xornalista agredido pola Policía pode terminar acusado de falso testemuño xunto con outros tres informadores
 
O xornalista Guillermo Martínez foi agarrado, empuxado ao chan e agredido por un axente da Unidade de Intervención Policial da Policía Nacional o 7 de abril de 2021 mentres cubría para El Salto Diario o mítin do partido político Vox en Vallecas (Madrid). O informador denunciou os feitos ante a Xustiza como un posible delito leve de lesións por parte do axente antidisturbios.
 
Malia a un informe forense que acredita hematoma perfectamente compatible cunha porrada policial (10x2,5 cm.), os vídeos que mostran como o tiraron ao chan sen lle dar tempo a mostrar a súa identificación profesional e a declaración do denunciante e de tres xornalistas testemuñas, a xuíza non só non aprecia agresión algunha na actuación senón que considera acreditado que a mesma non existiu, impoñéndolle as costas da defensa do acusado ao entender que actuou con "mala fe e temeridade procesual".
 
O máis grave do asunto vén despois, xa que a xuíza estabelece que se investiguen as declaracións da acusación e as súas testemuñas para que se abra un procedemento penal contra os catro xornalistas por un posíbel delito de falso testemuño que pode carrexar ata dous anos de cárcere e unha cuantiosa multa económica para cada un deles.
 
Esta sentenza supón non só un exemplo da impunidade da violencia policial exercida contra xornalistas. É un ataque ao xornalismo e lanza unha mensaxe das consecuencias que pode ter denunciar xudicialmente a violencia policial. A xuíza, receptora dunha medalla ao mérito policial a proposta da Brigada Provincial de Información de Madrid, considera que nin os vídeos, nin as declaracións de catro xornalistas, nin un informe forense proban a agresión.
 
A nivel internacional, a Comisión Europea fixo públicas, recentemente, unhas recomendacións aos Estados membros ao observar un aumento dos casos de intimidación á prensa. Máis concretamente, a Federación Europea de Xornalistas xa sinalou nos seus informes un aumento da violencia policial contra xornalistas en España, e este caso corrobora o xa explicitado.
 
Expresamos o noso apoio aos catro xornalistas, con quen nos solidarizamos. De igual xeito, facemos un chamamento ao sector xornalístico e á cidadanía para secundar os diferentes actos de apoio que se organizarán no seu defensa. Non existe outra forma de dignificar a profesión e garantir o dereito á información.
 
As organizacións firmantes pedimos:
 
  • A estimación do recurso que se presentará no que se pide a nulidade da condena en costas e a posíbel apertura dun procedemento penal contra os xornalistas.
  • O arquivo inmediato do novo procedemento penal que pode abrirse contra os catro xornalistas por un suposto delito de falso testemuño.
  • A derogación da Lei Mordaza, normativa xurídica que limita a liberdade de información tanto á cidadanía receptora como ao xornalista na súa función de informador.

 

Asinantes do manifesto: Reporteiros sen Fronteiras, Federación Europea de Xornalistas (FEP), Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Plataforma por la Libertad de Información (PLI), CNT Prensa y Comunicación, Agrupación de Periodistas de UGT (FESMC-UGT), Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), Unió de Periodistes Valencians, Sindicato de Periodistas de Madrid (SPM), Sindicat de Periodistes de Catalunya / Sindicat de Professionals de la Comunicació (SPC), Grup de Periodistes Ramon Barnils (GPRB), Industrial Workers of the World, Freelance Journalists Union, Unitat Contra el Feixisme i el Racisme (UCFR), Irídia, Marx21.net, Podemos, Izquierda Unida, Partido Comunista de España (PCE), Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Más País, Grupo Parlamentario Euskal Herria Bildu, Candidatura d’Unitat Popular (CUP), Junts per Catalunya, Bloque Nacionalista Galego, Anticapitalistas e o senador de Compromís Carles Mulet.

Pode adherirse o manifesto escribindo a prensa_medios@madrid.cnt.es.
 
CPXG