O Colexio de Traballo Social presenta a súa 'Guía de comunicación', realizada coa colaboración do CPXG

Presentación da 'Guía de comunicación do COTSG (Foto: COTSG)

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia presentou este luns na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela a súa Guía de Comunicación, realizada en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas e a Deputación da Coruña.

A guía, presentada ao alumnado de Xornalismo e Comunicación Audiovisual,  pretende ser unha ferramenta para os e as profesionais da información e a comunicación que queiran comunicar a realidade social desde unha honesta obxectividade, sen estigmas e sen prexuízos. Así, abórdanse distintos colectivos e situacións de vulnerabilidade: persoas en risco de exclusión ou situación de dependencia, diversidade funcional, menores de idade en situación de conflito, mulleres en situación vulnerábel, inmigración e minorías étnicas.

Na presentación participaron as coordenadoras da guía, Marta Capeáns Outeiro, presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, e Sara Torreiro Rodríguez, responsábel de comunicación, ademais de Xaime Leiro, membro do Pleno Territorial do Colexio de Xornalistas en Santiago, Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e José Luis Mateo, director xeral do Monbús Obradoiro e xornalista.

CPXG