Nin vetos a xornalistas nin convocatorias de prensa sen preguntas

O Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP) rexeita e lamenta o veto que o partido político Vox impón a determinados xornalistas e medios, aos que impide acceder ás súas roldas de prensa. Esta decisión é un ataque ao dereito á información da cidadanía, intolerábel nunha democracia.

Con eses vetos, a dirección de Vox demostra un absoluto desprecio cara o necesario pluralismo informativo e o traballo dos xornalistas, que son os intermediarios encargados de que se cumpra ese dereito constitucional e, ademais, non acata a resolución da Xunta Electoral Central (JEC) que o pasado 8 de novembro lle comunicou "que non pode discriminar ao medio solicitante [El País, a Cadena Ser e o Grupo Prisa], en relación ao resto de medios, impedíndolle o acceso aos seus actos públicos de natureza electoral, dado que isto comporta unha vulneración do artigo 66.2 da LOREG, interpretado de conformidade co dereito a comunicar e recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión, recollido no artigo 20.1.d) da Constitución Española".

A pesar desa notificación da XEC, Vox non permitiu que xornalistas do Grupo Prisa puideran seguir o 10 de novembro a noite electoral desde as súas sedes ou os locais onde convocou aos medios en distintos puntos de España, nunha actitude nada democrática.

Desde a campaña electoral do pasado abril, Vox vetou, entre outros, aos profesionais de El País, El Mundo, El Español, Público, Eldiario.es, El Plural, InfoLibre, La Marea, Contexto, La Sexta, el programa "Todo es mentira" (Cuatro), Cadena Ser, Onda Cero, así como a profesionais de distintos medios de comunicación nas comunidades autónomas. Os seus diputados na anterior lexislatura mesmo recibiron de parte da dirección do partido unha relación dos medios cos que non deben falar "nunca".

O FOP, unha plataforma unitaria integrada por distintas organizacións sindicais e profesionais de traballadores da información, tamén mostra o seu rexeitamento ás cada vez máis frecuentes convocatorias de prensa que fan distintos dirixentes políticos sen aceptar preguntas dos xornalistas. Así o fixeron ultimamente o presidente do Gobierno en funcións, Pedro Sánchez, e Pablo Iglesias, cando comparecieron para asinar un preacordo de futuro Goberno, e tamén o expresidente de Ciudadanos, Albert Rivera, cando anunciou a súa dimisión e abandono do escano e a política.
 
É preciso lembrar unha vez más, como xa fixera a Xunta Electoral Central na resolución citada, que o dereito á información é "un dos piares da democracia, como garantía para a formación dunha opinión pública libre, e a súa titularidade corresponde á colectividade e a cada un dos seus membros". Non pertenece, por tanto, nin aos xornalistas nin ás empresas de comunicación, e tampouco aos partidos políticos ou aos seus dirixentes. Por isto, todos os políticos que respecten a democracia deben respectar o traballo dos profesionais da información e, no seu caso, utilizaren as vías que lles brinda a lexislación vixente para esixir rectificacións ou actuar xudicialmente cando o estimen necesario.

FOP*

* O Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP) está integrado por: Agrupación de Periodistas de CCOO, Agrupación de Periodistas de UGT, Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), Col.legi de Periodistes de Catalunya, Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión (ANIGP-TV) e UPIFC-Sindicat de la Imagte.