Malos tempos para os caricaturistas

O despedimento do caricaturista canadense Michael de Adder por publicar unha caricatura, unha nova restrición ao humorismo gráfico nos xornais, volve pór o foco sobre os ataques a este xeito de expresión e o seu significado no mundo da comunicación. 

Este luns 1 de xuño coñecíase a nova de que o caricaturista canadense Michael de Adder era despedido da compañía Brunswick News, que edita tres diarios e máis dunha ducia de semanarios no país norteamericano. O motivo do despedimento parece ser un cadriño no que De Adder representaba ao presidente estadounidense Donald Trump xogando ao golf ao pé dos corpos de dous afogados ao tentar cruzar o Río Grande, aos que lles pregunta: "Impórtalles se sigo a xogar?". Segundo o debuxante, nas pasadas dúas semanas debuxara tres viñetas de Trump, "dúas delas fixéranse virais e a terceira foi unha supernova", a continuación do cal foi despedido e a compañía nin sequera usou as caricaturas que xa tiña no seu poder. 

A polémica lembra a outra nova do mes pasado. O 11 de xuño, o xornal The New York Times anunciaba que eliminaría as caricaturas da súa edición internacional. A razón desta decisión foron as críticas a un cadriño do portugués Antonio Moreira Antunes publicado en abril, no que se mostraba ao  primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, como un can guía de Donald Trump, nunha imaxe pragada de referencias relixiosas ao xudaísmo. O debuxo en cuestión foi acusado de "antisemita" e chegou a ser comparado polo embaixador de Israel nas Nacións Unidas coa propaganda nazi. Tras publicar unha desculpa en abril deste ano, o The New York Times optou finalmente por eliminar todas as caricaturas. 

O humorismo gráfico ten unha longa historia dentro do xornalismo como unha forma máis de opinión. Máis alá do debate recorrente arredor dos límites do humor, as polémicas que rodean aos caricaturistas teñen que ver cos ataques á liberdade de expresión. Como reflexionaba o caricaturista do cadro de persoal do The New York Times Patrick Chappatte na súa carta de despedida do xornal, "temo que non se trata de cadriños, senón do xornalismo e da opinión en xeral". E engadía: "Se cadra debéramos comezar a preocuparnos. E a resistirnos. Os cadriños políticos naceron coa democracia. E son cuestionados cando se cuestiona a liberdade".

CPXG