Luís Álvarez Pousa publica 'Medios e políticos, baixo sospeita. 1990-2023'

O veterano xornalista Luís Álvarez Pousa vén de sacar do prelo Medios e políticos, baixo sospeita. 1990-2023, o seu último libro, publicado pola editorial Laiovento, no que fai un seguemento dos últimos 33 anos do ecosistema mediático galego, estatal e internacional, así como de como se desenvolven as estratexias de desinformación e manipulación mediática nunha sociedade democrática.  

Medios e políticos, baixo sospeita. 1990-2023 serve de continuación ao ensaio Prensa ameazada. Desde a transición ó fraguismo e segue con mirada crítica o proceso de progresiva degradación do noso sistema de comunicación máis próximo nas últimas tres décadas, nas que ten un especial protagonismo a irrupción de Internet e a sobreabundancia de información que a converte nunha simple mercadoría. Sen unha vontade institucional ou política por regular esa nova orde global, os medios tradicionais e o xornalismo son a un tempo vítimas e cómplices da desinformación e da mentira. Polas páxinas deste volume aparecen entre outros a CRTVG, a guerra de Irak, Nunca Máis, o Egunkaria, a repartición da TDT, José Couso,Wikileaks, Charlie Hebdo ou Donald Trump, así como por suposto o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a súa defensa do dereito á liberdade de información.

Nado en Viladerrei en 1948, Luís Álvarez Pousa é licenciado en Xornalismo e doutor en Historia Contemporánea. Ocupou durante 23 anos diversos cargos no grupo Voz e foi profesor de Xornalismo Especializado na Universidade de Santiago de Compostela. Dirixiu e presentou na TVG e Radio Galega o debate Encontros, coordinou o primeiro suplemento cultural de La Voz de Galicia, e foi columnista político nese diario e nos do grupo La Capital. Foi tamén un dos fundadores das revistas Teima e Tempos Novos, que dirixe desde 1997. Entre 2004 e 2012, foi membro da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas. Autor dunha vintena de libros, entre eles destacan Prensa ameazada. Desde a Transición ó fraguismo, A identidade fronte á rede ou Claves para unha información non sexista

CPXG