A TIC colabora na gravación do documental 'A viaxe de Ruth' coa participación de alumnos e bolseiros da EIS de Lugo

Gravación do documental 'A viaxe de Ruth' en Vilalba (Foto: Fundación TIC)

O audiovisual, que recolle a viaxe da fotógrafa estadounidense pola Galicia dos anos 20, inclúe recreacións dramatizadas rodadas en escenarios de Sarria, Vilalba e Lugo.

A Fundación TIC da Deputación de Lugo colabora na gravación do documental A viaxe de Ruth, unha produción dirixida por Xosé Reigosa e Jaime Pardo. O audiovisual recorda o percorrido que a fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson realizou co seu pai por Galicia en 1924 e 1925. O traballo inclúe recreacións dramatizadas da época e unha comparación da Galicia dos anos 20 do século pasado coa actual a través de fotografías realizadas pola protagonista do documental con outras feitas en 2018.

A TIC, a través da Lugo Film Commission, foi a encargada de atopar as localizacións das imaxes de Anderson, un traballo necesario para levar a cabo a gravación deste documental. Ademais, alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo colaboraron cos departamentos de produción e realización, unha práctica nun escenario real que reflicte o modelo educativo da Fundación.

Unha viaxe no tempo

O diario do pai de Ruth Matilda Anderson e as fotografías e anotacións que ela mesma realizou foron os elementos empregados polos directores do filme para realizar a mesma viaxe. A través destas imaxes e de recreacións o espectador poderá ver a transformación das cidades e vilas galegas ao longo do século XX. Unha viaxe aos anos 20 que conta tamén coa testemuña de especialistas que darán a súa visión de aspectos importantes deste percorrido. A viaxe de Ruth ten prevista ser estrea tralo verán.

FUNDACIÓN TIC