En agosto nunca pasa nada?

(Foto: DarkWorkX)

É habitual repetir, no eido do xornalismo e na sociedade en xeral, que agosto está valeiros de actualidade informativa. Máis, contra o tópico, moitos acontecementos relevantes tiveron lugar neste mes. Que podemos esperar a nivel xornalístico deste mes que temos por diante?

Existe un tópico arredor do xornalismo que asegura que no verán, e especialmente en agosto, nunca pasa nada. Os cadros de persoal redúcense polas vacacións, os xornais teñen menos páxinas e as radios e televisión eliminan ou reducen algúns programas informativos. A suposta falta de noticias provoca mesmo a aparición dun endemismo estival, o das serpes de verán, noticias irrelevantes que servirían para encher as páxinas dos xornais perante a falta de acontecementos.

Porén, como tantos outros tópicos, a falta de noticias en verán non só non é certa, senón que numerosos acontecementos históricos de relevancia tiveron lugar no verán. Entre outros, en agosto producíronse a saída de Cristóbal Colon cara ao descubrimento de América, a aprovación da Declaración dos dereitos do home e do cidadán a explosión da bomba atómica en Hiroshima, a invasión de Checoslovaquia polas tropas soviéticas ou a renuncia de Richard Nixon polo escándalo do Watergate. E foi en agosto cando apareceron por primeira vez medios históricos galegos como El Correo Gallego, A Nosa Terra ou El Progreso, que sen dúbida non tiñan medo da falta de noticias. 

E neste agosto do 2019, haberá noticias? Obviamente, os acontecementos futuros non poden predecirse, mais hai certos asuntos en marcha dos que cómpre ter conta desde o xornalismo, desde as negociacións para a posíbel investidura do presidente do goberno en setembro até as protestas en Hong Kong, sen esquecer a crise migratoria en Europa, co último rescate do Open Arms buscando porto seguro para desembarcar. E o tempo atmosférico sempre é noticia no verán: aínda que Galicia parece librarse da vaga de calor que sacude o continente, cómpre ter a man as recomendacións para a cobertura dos incendios forestais, desexando non ter que utilizalas. Todo iso sen esquecer, claro está, que a actualidade pode ser imprevisíbel, e que a nova máis importante pode saltar cando menos o esperamos.

CPXG