Comunicado do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

A raíz da intervención do Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, na Comisión de Control da Corporación de Radio Televisión de Galicia, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere aclarar:

- Que os carnés de colexiado se expiden tal e como marca a Lei 2/1999 de 24 de Febreiro, aprobada polo Parlamento de Galicia, coa unanimidade de todos os grupos políticos. Conforme ao texto desta lei, no seu artigo 3, poderá ser membro do CPXG quen estea en posesión do título de licenciado en Xornalismo, e tamén os licenciados en Imaxe e Comunicación audiovisual, sempre e cando acrediten que están a desenvolver labores informativos.

A propia lei establecía na súa disposición transitoria primeira un periodo en que os profesionais que probasen o exercicio do xornalismo como actividade principal, habitual e retribuída, podían solicitar o ingreso. Esa vía pechouse hai máis de dezanove anos, e desde aquela só poden colexiarse os xornalistas titulados.

Como entidade de dereito público, e suxeita ás esixencias que marca o artigo 36 da Constitución Española, o Colexio de Xornalistas réxese por un funcionamento democrático e ten como fin a defensa da dignidade profesional e a loita contra o intrusismo.

- O Colexio de Xornalistas, xunto co Club de Prensa de Ferrol, crearon o Premio Couso de Liberdade de Prensa, en memoria do reporteiro gráfico José Couso, asasinado no Hotel Palestina en 2003. Desde a súa creación, hai 15 anos, o CPXG impulsa anualmente este galardón, sempre desde o estrito cumprimento das súas bases.

Para todos os membros do Colexio, o prestixio acadado polo Premio Couso nas sucesivas convocatorias é motivo dun orgullo especial, máis aínda por tratarse dunha distinción aberta. Está regulada por un procedemento normativo que desliga por completo o resultado das decisións da Xunta de Goberno da entidade. Poden votar, en liberdade e igualdade de condicións, todos os membros do Colexio e do Club de Prensa de Ferrol. Un notario levanta acta do resultado. Non hai dúbida da limpeza, rectitude e transparencia do premio.

- Forma parte do cometido deste Colexio de Xornalistas, ademais da defensa do dereito á información e a autoesixencia profesional, profundizar na mellora das condicións de traballo dos xornalistas, a defensa profesional dos membros do Colexio, garantir a liberdade e independencia dos informadores en beneficio da sociedade galega, defender o dereito á liberdade de información e de expresión garantidas a todos os cidadáns, salvagardar a sociedade de informacións que tendan a deformar voluntariamente a realidade dos feitos e preservar o segredo profesional e a claúsula de conciencia.

Conforme a esta vocación, e desde a súa creación, o Colexio de Xornalistas reclama repetidamente que as corporacións públicas tomen as medidas requeridas pola lexislación para garantir o servizo público e a independencia do poder político.

O Colexio de Xornalistas quere destacar o papel imprescindible dos medios públicos como garantes do acceso universal á información e da propia articulación dunha sociedade democrática. Tralo impacto da crise e ante o desafío tecnolóxico, os medios de comunicación experimentan un periodo de desconcerto no que é esencial o papel de institucións como o Colexio de Xornalistas e das plataformas públicas de comunicación, que deben ser os encargados de manter o rumbo cara a un bo xornalismo nun clima de concordia, boa fe e colaboración.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia