As webs de 'El Salto' e 'La Marea', caídas durante días por un ataque informático

Desde o pasado venres 19, diversos ataques DDoS conseguiron impedir o acceso ás páxinas web de El Salto e La Marea, nunha estratexia que tamén afectou a outros medios como La Última Hora, AraInfo ou Kaos en la Red. Só este martes os dominios comezaron a ser accesíbeis e actualizar contidos. A Plataforma de Medios Independientes, á que pertencen os dous medios afectados, denuncia os ataques como unha agresión á liberdade da expresión e solicita unha investigación sobre os mesmos.

O pasado venres 19 de novembro, as páxinas de internet dos medios de comunicación El SaltoLa Marea comezaron a sufrir un ciberataque que provocou a súa caída. Lonxe de ser un feito puntual, os ataques de denegación de servizo (DDoS) sucedéronse desde entón, provocando aínda hoxe que de maneira intermitente os lectores non poidan acceder a estas cabeceiras, alongando os tempos de carga ou limitando o acceso aos seus correos electrónicos. Na práctica, estase impedindo aos xornalistas actualizar contidos e aos medios exercer a súa función informativa. Outras páxinas como La Última Hora (que xa denunciara ataques deste tipo desde hai mais de dez días), AraInfo e Kaos en la Red tamén sufriron este ciberataque pero neste caso a caída do acceso ás súas webs foi máis temporal.

A Plataforma de Medios Independientes, da que forman parte tanto El Salto como La Marea, denunciou o domingo os ataques e esixiu unha investigación sobre os mesmos, destacando que o seu efecto máis claro é "o que supón para a liberdade de expresión en este país". A Plataforma ve unha intención ideolóxica nestes ataques, vinculada "á expansión dos discursos de odio e contra a liberdade de expresión e a defensa dos dereitos humanos" e comparaos con agresións a medios de comunicación no pasado, cando "grupos de provocadores irrumpían nas imprentas onde se publicaban xornais incómodos e atacaban os medios de produción".

O hackeamento destas páxinas consiste en ciberataques DDoS do tipo L7, que consisten en tumbar un servidor sobresaturándoo con peticións de información desde múltiplas dirección IP mediante o uso de bots. Este martes, as páxinas de El Salto e La Marea están accesíbeis, aínda que con lentitude na carga, e comezaron a actualizar contidos, con senllas informacións sobre os ataques.

CPXG