A ANIS presenta a súa delegación en Galicia e o seu XII Congreso, que se celebrará en Mondariz-Balneario
A Asociación Nacional de Informadores de Salud (ANIS) presentou esta mañá no Colexio Oficial de Médicos de Santiago de Compostela a súa delegación en Galicia, encabezada por Cristina de la Vega. A ocasión serviu tamén para adiantar algúns contidos do XII Congreso da ANIS, que se vai celebrar do 8 ao 10 de abril no Balneario de Mondariz.
O 'Big Data sanitario' propiciado polos avances nas TIC está transformando por completo o escenario da saúde, tanto no xeito de traballar das autoridades sanitarias como dos profesionais, como na forma de actuar dos usuarios e de comunicar os avances nos medios de comunicación. Por iso, a Asociación Nacional de Informadores de la Salud (ANIS) quere que este Congreso dos xornalistas sanitarios sexa un lugar de debate sobre o Big Data e a saúde, para saber cales son as posibilidades reais e cales os límites ou liñas vermellas onde a análise dos datos sanitarios pode atentar contra a seguridade e a privacidad das persoas.
Outros asuntos de interese xeral que capitalizaron a actualidade informativa nos últimos meses teñen que ver coas vacunas, a morte digna ou as crises alimentarias. Son temas moi sensibles que, como sinala o presidente da ANIS, Alipio Gutiérrez, "suscitaron certa polémica social e que esixen por parte dos informadores datos rigorosos e contrastados. Por iso imos sometelos á análise e ao debate dos compañeiros co obxectivo de extraer conclusións que nos sirvan para mellorar a información que desde os medios facemos". As mesas de actualidade permitirán saber como traballan a información de saúde colectivos como os xornalistas locais e rexionais, os internacionais e os especializados. Da súa análise extraeranse as conclusións que permitan establecer as mellores alternativas de formación para cada grupo.
O XII Congreso que a Asociación Nacional de Informadores da Saúde, ANIS, vai celebrar os días 8, 9 e 10 de abril no Balneario de Mondariz tamén abordará a actualidade sanitaria galega mediante un Encontro co Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. Un encontro especialmente interesante nun ano no que se celebrarán eleccións ao Parlamento de Galicia.
Entre os compromisos que pretende estimular o Congreso dos xornalistas sanitarios en Galicia está o de mellorar a saúde pública combatendo o sedentarismo. É por iso que a inauguración realizarase cunha "marcha pola saúde" na que participarán autoridades da Xunta, medios de comunicación e cidadáns comprometidos coa promoción de hábitos saudables.
A delegación da ANIS en Galicia, composta por Cristina de la Vega como delegada e por Ana Pimentel como subdelegada, xa está coordinando a celebración do XII Congreso de xornalismo sanitario. Entre os seus obxectivos figuran o fomento dunha maior especialización e unha aposta decidida para conseguir un xornalismo de precisión que garanta a mellor información sobre saúde para os galegos.
ANIS